Acontecen as traxedias e, entre o desconcerto e o pranto, nace a melancolía que medra ata que desaparecen o estupor, o medo e a morte. Despois fica ela soa, a modo de memoria coa que é inútil entender a traxedia, pois nela intervén un azar, simple e inexplicable, que demostra que a intelixencia non serve aquí porque a traxedia é só iso: fatalidade e mala sorte.
A melancolía adquire diversas formas estes días e zumega das pedras de Compostela e das facianas dos seus habitantes. É melancólica a vontade infantil de buscar culpables nas vías onde descarrilou o tren, nos impronunciables sistemas de seguridade nos que de súpeto todos somos expertos a golpe de tertulia radiofónica. Hai melancolía na lembranza duns políticos que nos convenceron de que precisabamos esta alta velocidade que non é nin alta nin veloz nun país pouco apto para os trens rápidos. E, sobre todo, caeu melancolicamente o mito infantil de cando queriamos ser maquinistas dos nosos trens de xoguete, que descarrilaban a diario pero nunca mataban a ninguén nin tinguían a vida de infortunio e remordementos.
A calma de despois da traxedia, efectivamente, sempre é melancólica e triste porque nela descubrimos que estabamos trabucados cando criamos que controlabamos o noso destino, tan inexplicable como inexorable. Por iso podemos pór a nosa melancolía a lanzar dardos contra os maquinistas, contra os ministros de Fomento, contra os camiños de ferro e mesmo contra a discriminación histórica de Galicia, que non han ser máis ca parches contra a dor. Todo estúpido ante o peso da fatalidade que nos lembra que, en realidade, somos simples Edipos, nin inmortais nin inmunes á dor.