Constitución e xuíces apolíticos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

23 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Que diría Geluco Guerreiro de que un militante do PP fose presidente do Tribunal Constitucional? É o primeiro que me ven á cabeza despois do seu pasamento e da despedida en olor de amizade que só algúns homes bos logran. Podo supoñelo. A Xustiza é formalista e o coñecemento da filiación formal de Pérez de los Cobos ao PP cando xa era maxistrado do Tribunal Constitucional vai provocar un feixe de xustas impugnacións, alén dunha batalla política que dana o prestixio do alto tribunal. Pero o caso tamén permite algún outro punto de vista no medio desta vertixe xudicial que vivimos. Outro enfoque que permita imaxinar como son as cousas de verdade, como de verdade sabemos que son.

Situémonos no debate constitucional en 1978, en plena transición. A oposición que viña do antifranquismo e moi especialmente o PSOE e o PC defenderon que os xuíces, a Garda Civil e a Policía puideran ter afiliación política partidaria, mesmo os militares entraron por veces a debate. Pola contra, a dereita de UCD e AP que viñan do franquismo negaban esa posibilidade con rudeza. O debate producíase en termos exactamente opostos aos destes días, pero se distinguimos a oportunidade política do valor político, a discusión de hoxe conduce a outros camiños. O empeño en darlle aparencia non política á Xustiza por parte do franquismo tiña que ver con que a maioría da xudicatura, igual que os corpos de seguridade do Estado, non podían ser outra cousa máis que maioritariamente afíns ao franquismo vivido, de modo que prohibirlles a militancia era unha pexa para a oposición baixo o argumento dunha aparente imparcialidade.

Impúxose a prohibición fronte a outras posibilidades propias de democracias de longa traxectoria, dando aparencia de imparcialidade ideolóxica e política onde non pode habela e non a houbo nunca. Sábese das orientacións políticas dos xuíces e de feito, no caso do Constitucional, son esas orientacións as que determinan a súa elección polo bipartidismo do sistema. Coñécense ata as orientacións relixiosas que, como é obvio nunha democracia, non poden ser escrutadas nin prohibidas, aínda que tamén decantan sentenzas no caso da xudicatura e definen a selección do TC. Por iso non pode negárselle razón aos portavoces do PP cando din que despolitizar os tribunais significa non interferir dende o Executivo e cando afirman que militantes do PSOE tamén formaron parte do TC. Tampouco á oposición, porque o esencial no estado de dereito é cumprir as regras e non está claro que neste caso foran escrupulosamente cumpridas.

Pero neste asunto, como no do financiamento ilegal dos partidos, vai sendo hora de superar ficcións e hipocrisías. Non faría mal a oposición en recuperar os principios que defendeu hai trinta e cinco anos, agora que se demostra que non existe o suposto do xuíz illado do interese político que se impuxo no debate constitucional. Ás probas me remito. Non existe o xuíz apolítico na realidade social. Isto que sabemos todos xa o escribiron hai ben anos xuristas como Ignacio de Otto e recentemente J. L. Brey Blanco.