Un «pas de deux» con dous finais

Mario López Rico

OPINIÓN

21 jul 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Coma no ballet clásico, tras unha barafunda de danzantes arremuiñadas, a música tórnase seria e iníciase o pas de deux. Executado por dúas persoas, contén varias figuras canónicas: o paseo no que a bailarina sobre a punta dun pé xira sostida polo bailarín, as pirouettes nas que o bailarín a (des)estabiliza para que poida xirar máis veloz, ou a levantada na que a bailarina é alzada en peso.

O espectáculo é de tan baixa calidade que o público comeza a remexer, mesmo óense asubíos. A dirección do espectáculo, que non aforra recortes, observa dende o palco, ou divertida ou preocupada. A bailarina trémula, dá un traspés, cae, prende o tutú nas candilexas (a delirante escena acontece no século XIX que estamos a vivir), o lume prende no pano e logo nas bambolinas, arde o teatro enteiro. ¡Sálvese quen poida!

Final apocalíptico: o público convertido en turba proxecta o seu descontento e propaga o incendio á cidade e entrégase a un delirio autoritario. Final feliz: os cidadáns saen e na praza dialogan; constituirán unha compañía que realmente os represente e constrúa un edificio novo.

O asisado lector non precisa poñerlle nome á compañía. Pode dubidar do que durará, ¿tres meses?, ¿a lexislatura? Ninguén quere o fascismo, pero o perigo está aí, os síntomas son preocupantes: odio á política, xenofobia... O director da compañía ten moita experiencia nestas lides.

Está nas mans cidadáns elixir o xeito civilizado, poñer fin á segunda restauración borbónica e traer a creba democrática que permita un proceso constituínte republicano a partir da soberanía das diversas nacións que hoxe integran o Estado español.

¡Ah!, a bailarina non é Bárcenas.

Mario L. Rico é portavoz de AGE