Non exactamente en Soria, máis ben na estremeira de Burgos, a quince quilómetros de Salas dos Infantes, terra de paso e peregrinaxe, aseñorada polos cumes da serra da Demanda. Á beira de estrada, mesmo na linde de ambas as dúas provincias (Burgos e Soria), aparece o letreiro: La Gallega, e o viaxeiro non pode resistir a curiosidade. Polo mundo andamos e en todas partes imos deixando pegadas. Camilo José Cela contaba a historia do cidadán Pereira, que seica era de algures da provincia de Ourense, quizais de Nogueira de Ramuín, o cal saíu da casa unha mañá coa roda de afiar e acabou de gobernador nunha provincia da China. ¿Quen serán estes (ou esta) que chantou o seu nome nestas terras da vella Castela, a de Chindasvinto e Fernán González na veciña Covarrubias, as cabalgadas de El Cid, o cupreso de Silos?
Saímos da estrada xeral e alí está: unha presada de casas, máis ben muros vellos e tellados escancarañados, tamén uralitas, rodeados de piñeiral. Portas carreteiras. Campos de pan castigados polo sol de xullo. A madeira foi durante moito tempo a principal riqueza da bisbarra. «Pero foron cerrando as fábricas e xa só quedan algún serradoiro», dime o informante. «Aínda hai pouco que cerraron unha de San Lorenzo de Yagüe, que daba de comer a 700 familias». Bótolle por riba dos setenta anos, enxoito, dentame un algo estragado, mais cun aquel retranqueiro que se sorprende de vernos chegar dende a soleira da casa. Pregúntolle pola igrexa parroquial, dedicada á Virxe da Asunción, e cun aceno experto levanta o brazo e responde: «Velaí. E detrás, o cemiterio».
Tamén hai concello, con edificio propio. ¡Sesenta e catro habitantes! «¿De qué viven?», interésome. «De nada». Resposta literal. ¿E o señor alcalde? «Vén e vai. Cando toca, toca». Os mozos hai tempo que marcharon, os nenos non existen, xa nin polas vacacións. «¿E o inverno?». «Coa neve ata as canelas, queimamos o que vai quedando do piñeiral». O paisano, que se chama Salustio, foi tamén alcalde, ou estivo na corporación. Coméntame que, cos cartos da Deputación, non hai moito chantaron escudo de señorío na casa consistorial. «Porque a vila é moi antiga, ¿sabe?».
Seica as orixes están na pousada ou albergaría chamada de El Galego (así nos documentos da época), que atendía os viaxeiros en tempos do rei Afonso VII. «Quedaba do outro lado da estrada». Os peregrinos que facían o camiño de Aragón a Compostela paraban neste lugar, a 1.112 metros sobre nivel do mar, nas estribeiras da montaña. Co nome actual aparece por primeira vez nos cartularios en 1211. En 1217 documéntase un hospital: Sancti Micaelis de Galleco. Logo, a poboación foi asentándose, co traballo das terras e a madeira. «De aquí saían as mellores carretas». En 1857 o censo daba case que cincocentos habitantes. En 1950 xa eran menos da metade. No ano 2001 eran 93. Agora, 64. Non vexo ningún. Só o meu informante. Sube a carteira, que vén de Salas dos Infantes, e o veciño Salustio teima na súa: «¿Non queren visitar o cemiterio? Está detrás da igrexa».