Lújar preto do ceo

Xavier Alcalá< / span> A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Lújar é unha liña branca, horizontal, empoleirada na serra granadina. A estradiña fai o ascenso unha proba insuperable para o alcolismo: en cada volta o baleiro agarda. Beleza agreste, verde-ocre, a media altura amosa grandes manchas de sobreiras con algún piñeiral intruso. No cume maior, unha estación de radar vixía o Mediterráneo. Desde a praciña da vila a vista fai engurrar a alma: val estreito, gorxas, unha apertura de montes e o anil do mar cun puntiño de branco á dereita: Castell de Ferro, poboación andaluza de nome catalán en aparencia. Lújar está construído en socalcos, as casas -medias covas- apoiadas neles. Polas rúas só poden circular xente e mulos con alforxa, nin carros sequera. Hai moito can, que deixa a súa lembranza fecal onde lle peta. No lugar, repoboado por cristiáns cando os musulmáns sospeitosos se foran, escóitanse fala andaluza e idiomas do norte de Europa. A escola está pechada porque só fican tres cativos; mais o alcalde quere facer outro tipo de escola: de idiomas, precisamente. A quince minutos da costa e na frescura da serra, os nórdicos saben onde comprar casa de continuo veraneo. Se a mocidade lujeña emigrou e a terceira idade europea a quere substituír, ¿por que non pensar nun centro de interpretación da natureza e unha escola de tradutores? Curiosamente, a oferta de Lújar pode valer para moitos lugares de Galicia onde a Europa ecoloxista está a descubrir aldeas esmorecidas: horta, monte, fraga, praia... Viaxar e ver serve para traer ideas de volta.