Mellor non emendala

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

Os membros do FMI sen dúbida non leron Las mocedades del Cid, de Guillén de Castro. Nesa obra, o conde Lozano dálle unha labazada ao pai do Cid, que desafía ao conde. Os amigos deste recoméndanlle que pida desculpas, pero o conde replica cuns versos que se fixeron xustamente famosos por representar unha postura moi característica dun grupo social: «Esta opinión es honrada: / Procure siempre acertarla / el honrado y principal/ pero si la acierta mal / defendella y no enmendalla».

Sempre considerei que era unha postura teimosa, pero agora, á vista das declaracións do FMI empezo a vela baixo outra luz. Porque ¿cal é a utilidade ou o beneficio que se pode agardar desta tardía rectificación? Erraron de medio a medio coas imposicións de axustes a Grecia, non se decataron do que parecía evidente: que só con axustes non se sae nin da recesión nin da crise. E ben, ¿agora que? ¿Vai servir para levar adiante políticas con menos recortes e máis créditos? Moito me temo que a única consecuencia desas declaracións sexa unha crise de confianza nas institucións europeas e nos Gobernos que seguen as súas pautas. Ás veces é mellor non emendala e morrer, neste caso politicamente, como morreu o conde Lozano, vítima do seu erro.