É difícil chegar a un consenso sobre os deberes escolares, porque os partidarios dunha e doutra postura teñen argumentos razoables para apoialos.
A favor da supresión, que é o que manda a lei en Galicia, está o feito de que os nenos de primaria chegan moi cansos á casa e non renden. É preferible deixalos descansar. Pero nos nenos maiores os deberes crean un hábito de estudo que pode ser moi saudable, e probablemente non teríamos tan malos resultados nos informes PISA.
O director xeral de Educación di que a lei hai que aplicala con sentido común, pero xa se sabe que ese é o menos común dos sentidos. Unha posición intermedia é deixar descansar durante os días de labor, e poñer algúns deberes para o fin de semana no que os nenos (e os pais) están máis descansados.
Non é tan importante o contido dos deberes como o mantemento dun hábito. Un exercicio de lectura ou de redacción abondan para que os nenos non dediquen todo o seu tempo libre a xogar coas maquiniñas ou a ver televisión. Porque a triste realidade é que non len, que non fan deporte e que non saben poñer por escrito o que pensan ou o que senten.
Mellor que polemizar sobre a existencia ou non de deberes sería estudar a mellor maneira de aproveitar tantas horas libres.