Hoxe, como fago ben cedo cada mañá, leo La Voz de Galicia na web, e o que vexo mete medo: un home sen cara porque lla comeron en Miami, outro ao que lla partiron a paus en Santiago de Compostela, outro máis que lle acaba de cortar o pescozo a un militar nunha rúa de Londres, Aznar que ameaza con volver e Umberto Eco dicindo que a universidade deber ser para una elite. Ademais, o tornado de Oklahoma, non lonxe da miña casa; por iso, se fora crente, ía rezar, porque debemos andar preto do fin do mundo.
No medio diste apocalipse hai outra noticia que primeiro me causou sorpresa, logo indignoume e despois estivo a machucarme na cabeza todo o día: o reitor da Universidade compostelá, perseguido polas rúas de Santiago por un grupo moi numeroso de estudantes, ao parecer porque non hai espazo suficiente para estudar nunha das bibliotecas. Coñecín a Juan Casares nunha rúa de Santiago hai un ano. É un home cordial, educado, que escoita, firme nas súas posicións, non se dobrega nin camiña xunto co poder, quere a Universidade de Santiago e quere a Galicia; a min sobroume.
Teño dito, berrado e escrito que a Universidade de Santiago é unha grande universidade, fixo e fai cousas de grande mérito académico, ten formado a moitos galegos, a un bo número de grandes profesionais. Agora está a sufrir unha situación económica difícil, e no entorno galego inxusta tanto polo seu peso histórico coma pola súa importancia contemporánea. É certo que a xestión económica da USC nos anos 2000 foi mala, gastouse o que non había, aínda non se pediron responsabilidades e, por tanto, ao non facelo, toca achantar. O reitor Casares non foi culpable desa xestión e non é culpable da situación actual. Dubido que outro reitor puidera facer algo máxico que permitira saír da ruína á Universidade compostelá; non o poderán facer porque a universidade en España (e en todo o mundo cando se fala de universidades estatais) depende case en exclusiva do financiamento dos Gobernos de quenda, non hai mecenado nin hai implicación real da industria privada.
Toda persecución ás persoas é intolerable, atenta contra a intimidade, dignidade e liberdade dos individuos; a persecución do reitor polas rúas de Santiago é unha agresión tremenda para Juan Casares persoa e reitor, pero máis aínda para toda a Universidade de Santiago, algo que non se pode tolerar, xustificar nin defender e algo ante o que a universidade non debería calar. Estes estudantes teñen que saber que malia a situación de ruína, eles están a recibir unha educación case gratuíta, dende logo moi por riba do que eles pagan polo que reciben, e se non teñen sitio nas bibliotecas que estuden na casa, no piso ou nun café; é o que toca por un tempo nun país en quebra. Os tempos nunca foron mellores para acceder á información e formarse, incluso nas cafeterías; a falta de sitios nunha biblioteca para xustificar fracasos escolares, e logo montar escándalo e perseguir a reitores polas rúas, é inaceptable; esta violencia contra a institución non pode ser gratuíta, e a xente de ben da universidade ten que posicionarse claramente en contra dela.