C hegamos a usar tanto a palabra que ás veces creo que perdemos a consciencia do seu atroz significado. Violencia é o tipo de interacción humana daquelas condutas que provocan, ou ameazan con facer, un dano ou sometemento grave. O grao máximo de violencia está en acabar coa vida doutros. Moito antes de chegar a isto, hai que poñerlle límites. A violencia é crúa, dura, inxusta, e moi perigosa. Non atende á razón. O seu principal elemento é o dano. Está tan presente que non lle damos a importancia necesaria, xa non temos o medo suficiente, sorprendéndonos menos das actitudes malvadas que crea. Vin, sobresaltada e completamente atordada, as imaxes dun asasino que acababa de cometer un crime atroz. Falaba no medio da rúa, coas mans cheas de sangue, e as dúas armas brancas entre os dedos. Pediulle a un transeúnte que gravaba as imaxes da matanza que non deixara de facelo, e o recollese a el explicando e xustificando a necesidade de cometer ese crime. No noticiario anunciárono con total tranquilidade, igual que falan do partido de fútbol da fin de semana. Case me sorprendeu tanto iso como o feito en si. ¿Onde está o aviso de que as imaxes van ferir a nosa sensibilidade? Xa non existe. ¿Por que? Porque estamos tan afeitos a situacións deste estilo (aínda que, por sorte, non tan graves), que xa perdemos a capacidade de asustarnos. E iso tamén dá medo. O mundo (a xente) tolea. E nós convivimos coa loucura coma se nada. Así non será estraño que acabemos todos por tolear.