E sta é a pregunta que se están a facer moitos responsables da educación, diante do aumento de denuncias, principalmente por parte dos pais de alumnos. Outro tema que se presta á polémica e ao morbo. Fálase e escríbese sen cancelas, ás veces non co rigor necesario. O acoso escolar, bullyng ou maltrato entre iguais, é un problema grave, con consecuencias nefastas para a vítima. Non é novo. Na nosa etapa escolar chamábase abuso ou persecución e apenas era diagnosticado ou denunciado. Adoita ter unhas características moi definidas: desequilibrio de forzas, regularidade, intencionalidade, impunidade, etcétera. Por suposto, cando estamos diante dun caso así, hai que actuar con rapidez e contundencia, afastando, en primeiro lugar, ao acosador do acosado.
O auténtico acoso pode resultar moi difícil de diagnosticar, sobre todo cando son casos de presión psicolóxica ou illamento social da vítima. O mellor lugar para valoralo é o propio centro educativo, no que hai varios docentes pendentes do alumno e mesmo persoal especialista en recoñecer e tratar o maltrato. Sen embargo, ao mesmo tempo que medrou o número de denuncias de casos reais, tamén o fixo o dos falsos. Familia e escola seguen sen entenderse. Con frecuencia, os pais non asumen os informes destes profesionais e, aínda coincidindo todos en que non hai acoso, eles insisten en que si. ¿Por qué razón? Ás veces, mesmo de xeito inconsciente, por un esaxerado afán de protección. Teñen medo a que sufran os seus fillos e prodíganlles coidados excesivos e innecesarios. Están demasiado pendentes deles e os conflitos, propios destas idades, acábanse convertendo en sospeitas de acoso.
Sen embargo, os pais, con esta actitude, fanlles máis mal que ben. Resolver problemas que corresponderían aos seus fillos acaban facendo destes persoas tímidas, inseguras e dependentes, que actúan con pasividade e falta de iniciativa. Os rapaces deben aprender a defenderse por si mesmos, como parte da súa normal maduración. O cal non quere dicir que en casos extremos non se lles bote unha man. Tampouco é acertado, haxa ou non acoso, darlle publicidade. O efecto mediático, nun tema tan confidencial, acaba sendo prexudicial para todos, pero sobre todo para o alumno, que debe ser obxectivo principal de protección.
Xa que logo, a mellor solución pasa , unha vez máis, pola coordinación e bo entendemento entre familia e escola. Deixarse aconsellar polos profesionais que coñecen ben ao alumno e que non teñen por que negar un acoso cando realmente o hai. Pensar o contrario é unha falta de confianza na institución escolar, curiosamente cando máis delegación de responsabilidades educativas lle fai a familia.