Un pouco de racionalidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

O s amigos das universidades de Heidelberg e Tübingen (Alemaña) invítanme a dar unhas conferencias. Un cariño que lles agradezo. Mais no necesario axuste de axendas, levamos mes e medio argallando o programa de voos. Ao final lograron un salto con Iberia vía Madrid e chegada a Frankfurt, o resto da viaxe en tren. É a menos mala das posibilidades. Outras alternativas obrigan a tres escalas en distintos aeroportos, se queres saír dende Santiago, o mellor dotado dos nosos. «A non ser que pensemos na solución do Sá Carneiro -dinme os amigos-, que é o que utilizamos nós». Vía directa a Stuttgart, que queda a 30 quilómetros (19 minutos) de Tübingen.

Para as viaxes transoceánicas, as ofertas portuguesas son as máis competitivas. Ata hai pouco algunhas compañías aéreas mesmo viñan buscar os pasaxeiros galegos a casa, con taxis ou camionetas, cuxo prezo ía incluído nas pasaxes. Non sei agora, co demo da crise e os pagos das peaxes, pero ata hai pouco era así. O Sá Carneiro, dende Porto, hai ben de anos que lle gaña pola man (e limpamente) á nosa oferta.

Isto tocante aos pasaxeiros. Non digo nada das mercadorías. Galicia, mesmo historicamente, ten unha posición estratéxica de primeiro nivel para o acceso de cargas por mar. Os portos galegos eran considerados xa no século XVIII espazos privilexiados para a acollida e abrigo de buques e transporte marítimo. Cumpría, xa que logo, deseñar unha rede terrestre axeitada para mover toda esa riqueza cara aos mercados da península e incluso do continente, debate que se abriu a mediados do século XIX coa demanda do ferrocarril e que enleou durante décadas as nosas clases dirixentes (políticas e económicas) nunha deboura estéril entre o norte e o sur, A Coruña contra Vigo, que acabou retrasando espectacularmente o proceso.

Aínda hoxe esta cuestión está sen resolver. Encerellados na guerra competitiva do AVE, que move fundamentalmente persoas e reafirma a nosa dependencia do centro (Madrid) sen considerar outras necesidades (Portugal, a saída cantábrica), temos desatendida a demanda económica de transporte e distribución de mercadorías (peixe, madeira, pedra ornamental, produtos agrarios) propias ou importadas. ¿De que serven portos exteriores se non están conectados co necesario transporte terrestre para continuar o servizo?

No tempo dos excedentes puidemos acometer este deseño. Mais non o fixemos. Ou fixémolo a medias, desatendendo outro aspecto fundamental para o noso desenvolvemento: a vertebración da Galicia interior (Lugo e Ourense). Como noutras cousas, quedamos a metade de camiño, escarranchados, dirían os avós, cun pé aquí e o outro pé no tellado de en fronte. A polémica entre os aeroportos nosos, que volve avivarse nestes últimos tempos, deberíanos obrigar a unha reflexión profunda verbo das nosas posibilidades e dos recursos dispoñibles, na procura dunha visión estratéxica xeral (non localista), responsabilidade primeira das nosas autoridades. Mais seica as leccións da historia non contan. Seguimos sen querer entender nada.