H ai moito tempo lin Nacido en un día azul, un libro que trata dun mozo con síndrome de Asperger. O relato é sobrecolledor. Cada día resulta unha loita para o protagonista, unha guerra por superar os retos que lle ofrece a vida. Pola contra do que podemos pensar, estes non son outros que enfrontarse a saír á rúa, coller un autobús, ou trazar o camiño sobre un plano da cidade.
Lembrei esta historia ao ler unha noticia estes días. Michael Boggan é un rapaz autista. Cústalle expresarse con todo aquilo que non forme parte seu mundo interior, pero iso non significa que non teña un universo marabilloso na súa cabeza, e no seu corazón. Quizais non poida expresar os seus sentimentos, pero tenos, e posiblemente a súa sensibilidade sexa moito máis delicada que a de moitos de nós. Os nenos son inocentes, e tamén crueis ás veces. Algúns compañeiros decidiron xogar con el, a quen normalmente lle custa interaccionar cos outros mozos. Pero «con el» non significa que o fixeran partícipe dos seus xogos. Neste caso era o branco das súas falcatruadas. Ofrecéronlle unha pelota, de maneira inocente, e el aceptouna como entretemento, sen sospeitar que tiña explosivos no seu interior.
Leváronlle os dedos nas mans.
Descoñezo se a crueldade só chegaba a broma, ou coñecían as posibles consecuencias do estoupido, das que espero fosen inconscientes. Aínda así, non respectan as diferenzas dos demais, e iso é inaceptable. Son nenos, si, pero son o noso futuro. Poñamos coidado na educación dos valores.