Sempre admirei a Xosé M. Beiras. É un dos políticos máis brillantes que deu este país, irrepetible, igual que será irrepetible a circunstancia histórica que o formou. Xustamente porque sei que Beiras é sumamente intelixente, tampouco me cabe dúbida de que ultimamente practica a estratexia de agachar baixo golpes de efecto unha decepcionante ausencia de discurso. Quen o considerabamos brillante agardabamos del algo máis de habilidade á hora de retrucarlle ás provocacións (calculadas con algo de simpleza, por certo) das mentes preclaras dos seus rivais, especialmente cando estes son un Núñez Feijoo incapaz de saír con ben do seu narcoescándalo vacacional ou das súas estrañas e repetidas viaxes a México. Nin sequera como dúo cómico teñen futuro.
Pero de todas as parvadas que fai ultimamente Beiras, ad maiorem gloriam da súa claque de socios fascinados cunha política de prensa rosa e de boutade antiinstitucional nunhas rúas ateigadas de desgrazados e arruinados, a que máis me ofende e decepciona é a fonda agresividade sen vergoña, indigna non só dunha institución representativa: unha agresividade propia de macarras de suburbio que a min non me representan. Nin o que provoca, nin o que entra na provocación a golpe de xesto macho, empregando o Parlamento para só armar bullas cos seus convidados á tribuna, ou, en fin, para coller minutos de telelixo sen propostas de gobernanza. Ese non é o Beiras que eu admirei un día, ese que, contra o que pensan Feijoo e os seus amigos, a diferenza deles, seguramente si pasará á historia, pero, a este paso, non por estes seus últimos anos no Parlamento.