Profesor, presidente

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

É sabido o meu afecto por don Xesús. Eu sempre lle chamei así, aínda que me dirixo a el polo vocativo que coido que lle acae mellor: profesor. Quizais sexa algo que me quedou do pouso alemán, anque prefiro pensar que se trata dunha forma de tratamento reservada aos sabios. Sempre pensei que esa debía de ser a característica fundamental dun presidente da Real Academia Galega, institución para o saber por definición, e por iso, desde que coñecín ao meu profesor don Xesús, non me coubo dúbida de que el sería algún día o máximo responsábel da institución.

Porén, don Xesús non ten por diante o mandato fácil que sempre lle imaxinei a quen, por idade, debía estar chamado a unha presidencia apracible, petrucial. Anque se cadra o momento acáelle especialmente ao seu perfil de vello marxista bregado en peores batallas. O labor por diante é pór orde nun espazo conformado por algúns dos cerebros máis brillantes deste país que, de certo, puxeron tanta intelixencia ao servizo das intrigas, obsesións e, se me permiten, a perda de tempo. Alén diso, o novo presidente, coa súa equipa, ten por diante o reto de dotar de transparencia económica a institución, clarificar a posición do plenario (que non da antiga ou da nova executiva) ante cuestións coma o recurso do decreto de bilingüismo, establecer ás claras as súas atribucións en relación con outras institucións para a lingua e a cultura e continuar o proceso de modernización. E, sobre todo, Alonso Montero deberá impor calma nuns académicos algo alporizados aos que, coido, tivo a oportunidade de coñecer mellor ca nunca no proceso de votación. Profesor, ¡e que non lle esquezan as académicas!