Sinto enorme pesar, Beiras. Sabes a admiración que hai dúas décadas profesaba cara a ti. Parecíasme luz en medio da opacidade. Eras un novo Homero. Recitabas o vagar do heroe (este país) na procura dunha Itaca eterna, como aquela que Borges recreara para definir a arte: «Cuentan que Ulises, harto de prodigios,/ lloró de amor al divisar su Itaca/ verde y humilde...». Exaltabas a Camus, pero non para unha relectura inexacta (como declaraches o domingo en La Voz): xustificando a violencia. E a ese sinal dos peores tempos amarras os cabos de mala esperanza. Onte a túa agresividade resultoume ferinte. Violentamente no Parlamento de Nós, o que elixen libres todos os galegos. Non eras o que xogaba á imitatio de Nikita Jrushchov, en aceno mediático, convertendo un zapato en símbolo dunha sedición astuta. Onte eras outro, o que es dende que vagas nesa congregación circunstancial que chamades Alternativa Galega de Esquerda. ¿Imaxinas a Castelao en actitude similar? ¿Aprobarían os sabios de Nós, algúns que sufriron cárcere ou exilio, os teus golpes e gritos fronte ao presidente de Galicia no templo da democracia? ¿Miraría Rosalía do modo que ti mirabas? Non o creo. Nin creo que o teu intelecto, nas horas de silencio e meditación, aprobe a ese outro que quere suplantarte. Galicia precisa ideas, debate, reflexión, imaxinación, creatividade. O odio reproduce odio; violencia, a violencia: o horror que no corazón do negror pintou Conrad. Estou seguro que esa non é a Galicia que queres. Aquela que procuramos na viaxe a Itaca era diferente, ¿recordas? Quédame a mágoa. O enorme pesar, Beiras.