Ás veces non é o mesmo poñer empeño en algo que empeñarse.
No caso de investigación de delitos, o correcto é poñer empeño en resolvelos, pero non empeñarse en cargarlle a culpa a un dos sospeitosos.
José Antonio Valdivieso pasou nove anos da súa prezada vida no cárcere, acusado de varios roubos con violencia e uso de armas. Foi acusado de ser un dos tres autores, pero tratábase dun erro, nin sequera coñecía aos outros dous procesados de nada. Tampouco estivera no lugar sinalado. Simplemente, foi identificado polas vítimas, e pese a que calquera que vexa as fotografías diría que el non concorda co autor dos delitos, varios informes policiais si o sinalaban como tal, a pesar de atoparse na casa de seus pais cando sucederon os feitos. O seu razoamento era que estaba na casa porque tiña que traballar ao día seguinte.
Observo as fotografías comparativas abraiada. José Antonio non se asemellaba ao da imaxe nin nas orellas, nin no nariz, nin nas cellas? nin en nada. Os cómplices, ademais, eran uns descoñecidos, e había informes que dicían que non era el o autor? pero non foron tidos en conta.
Isto non foi un erro. Foi unha concatenación deles. Incrible pero certo. E con iso e todo? entrou no cárcere, ante o abraio da familia e outra xente. Foi seu pai quen máis empeño puxo en demostrar que todo fora un erro. E xamais cedeu. José Antonio desesperou no cárcere, pero nove anos despois, o proxenitor obrou o milagre. Confirmouse o engano, e puido saír á rúa. Quizais tarde para moitas cousas xa.