Volver a Buenos Aires

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

21 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Escribo a piques de embarcar. Un ano máis, a próxima semana abre as súas portas a Feira Internacional do Libro da capital arxentina, xunto coa de Guadalaxara (México), a máis importante daquel continente e unha das cinco máis importantes do mundo: arredor de millón e medio de visitantes, 45.000 metros cadrados de instalacións nos predios da Rural (Palermo), máis de 1.500 expositores de case un cento de países? Alí estaremos tamén os galegos.

María Rosa Lojo, Ruy Farías, Débora Campos e quen asina levamos tempo traballando nun proxecto moi querido ao que quixeramos poñer ramo nestas datas: Os galegos e a Arxentina, unha publicación de gran formato, ilustrada, documentada, na que pretendemos reunir a achega histórica da cultura e a nación galega á construción daquela república americana, dende os primeiros exploradores das costas patagónicas ata persoeiros da política, a economía, artes e letras, fillos ou descendentes de galegos: Bernardino Ribadavia, Antonio Soto, Raúl Alfonsín, Fernando de la Rúa, o nobel Adolfo Pérez Esquivel?

En 1807 o chamado Tercio de Galegos ou tamén Tercio de Voluntarios Urbanos de Galicia, comandados por Pedro Antonio Cerviño, defendeu heroicamente a cidade contra o asedio inglés e deixou memoria da nosa xente na crónica dos porteños. A bandeira branca co escudo de Galicia exhibíase ata hai pouco na igrexa de San Telmo, un dos primeiros barrios de emigrantes, e hoxe aínda pode contemplarse en dependencias oficiais do Exército arxentino.

Basilio Vilariño, navegante de Noia, que cunha ducia de paisanos subiu a finais do século XVIII o río Negro dende o Atlántico ata o Nahuel Huapí (a actual Bariloche), deu nome ao primeiro barco escola da Armada Arxentina. Morreu loitando contra os indios na serra da Ventana. Cen anos antes, o pontevedrés Pedro Sarmiento de Gamboa fundara a Ciudad del Hambre nos extramundis da Terra de Fogo. Máis próximos no tempo están os miles de emigrantes que arribaron aos peiraos da Boca e se instalaron nos arrabaldes de Avellaneda, Pompeya, Barracas, cos seus boliches e as súas panaderías, antes de ir aganchando cara a zonas máis céntricas da urbe.

José Cao é o pai da moderna caricatura arxentina dende as páxinas de Caras y caretas, nas que Emilia Pardo Bazán publicaba os seus relatos. Algunhas das grandes editoras arxentinas, como MC, nacen da man de galegos. O humorista Quino fixo popular a figura de Manolito, amigo de Mafalda, con tenda de ultramarinos no barrio de San Telmo. O propio san Telmo era de Tui. O visitante pode contemplar as súas reliquias, cun aviso solemne onde se informa da súa orixe galaica. Antonio Soto mobilizou a Patagonia en 1921 contra o abuso dos terratenentes. Luís Seoane pinta as orixes do teatro arxentino no gran mural do teatro San Martín. O derradeiro xerente do Parque Xaponés era da Picaraña?

Imposible entender Arxentina sen os galegos. Así nolo recordaban Antonio Pérez Prado, e Alberto Vilanova, e Eduardo Blanco Amor dende as páxinas de La Nación, un dos grandes rotativos porteños. Cara alá imos.