Amargos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Coñezo xente que pasa a metade da vida cuspindo amargura. Semellan inmaculados e incorruptos, pero son en realidade virulentos, nocivos, esparto con aparencia de seda. Prefiro os náufragos que entran na fábrica da imaxinación a comprar sutura (para coser o corazón) antes que estes íntegros que pontifican, totalitarios. En calquera momento vilipendian a túa liberdade, ou melancolía, ou este evidente sentimentalismo de xoves por xoves. Para eles só conta a súa vida, que consideran máis elevada que a túa. Uniforman, homologan, crense posuidores da verdade. Repúgnanme esta clase de tiranos, mínimos e insalubres. Eles nunca entenderán o que ti entendes. Dogmatizan, fan da doutrina o seu único credo, ven atroces defectos nos outros e só perfección en si mesmos. En ocasións parecen cultos, pero as súas lecturas caben nun papel de fumar: picadura húmida. Adoitan proclamar receitas moralistas nos seus comentarios, e manifestacións, pero a súa vida persoal dista moito da exemplaridade. Son cínicos. Hipócritas no sentido máis lato da palabra. Algúns poñen disfraz sensible en ocasións, pero carecen de bondade: a súa sensibilidade habita nun disfraz de bohemio. Presumen de superioridade ética. Maléficos. Non hai nada de ti que importe. Importan só eles, elas. Son unha confraría de confrades tóxicos. Non os toques. Pero tampouco teñas medo do seu batallón. Se senten o medo, como cánido cruel, abalánzase sobre ti: para devorarte. Hai anos que me fatigan estes seres perfectos. Antes coleccionaba disputas. Agora prefiro a solemnidade do desprezo. Os amargos amargan a vida. Non trates con eles.