Camiñaba polas rúas da Coruña aproveitando as poucas raiolas de sol que saíron. De súpeto, escoitáronse berros, rebumbio, golpes, cousas rompendo? A xente comezou a pararse e mirar cara ao lugar onde proviña o balbordo, e eu tamén detiven o paso. Apareceu un grupo de mozos que fuxían en desbandada. Eran moitos, ducias, correndo cidade arriba. Algúns armados con paus ou barras, foi todo tan rápido que non distinguía ben.
Cada vez máis voces? e fume.
Cando o rebumbio pareceu diminuír, seguín o camiño, a modo, por se algún daqueles tolos aínda me collía no medio. Aos poucos metros, xa me fixen cargo do problema. Unha cafetería totalmente estragada (e a do lado coa reixa baixada para evitar sufrir os mesmos danos), pola que saían anacos de tallos e outros mobles. Xa non quedaba ningún dos vándalos cando chegaron os primeiros coches de policía.
Non tiven dúbidas de que era un enfrontamento entre afeccionados do fútbol. Ás poucas horas, xa o confirmei. Seareiros do Deportivo atacaron aos primeiros afeccionados do equipo rival que esa noite se batía no campo contra eles, armando lea. Efecto: un bar arruinado. E o nome do deporte, lixado.
Precisamente son seareiros do Deportivo? pero os seus actos teñen calquera cualificativo menos ese. Dáme vergoña. Deberan prohibirlle a entrada a calquera estadio de fútbol. Algún foi detido, e polo tanto poden identificarse. Os clubs tamén poderían denunciar eses actos e condenalos. Non lles convén ter afeccionados así. Non é deporte, é delincuencia.