A política ás veces é unha desgraza. Un pode ter amigos delincuentes, e mesmo pasalo en grande con eles, agás se é político, pois aos políticos non lles apreciamos esa vocación tan humana da transgresión. Ata agora o presidente Feijoo non parecía un transgresor, pero visto aí, póndose after sun nun iate cun narcotraficante agora en prisión, deume por admirarlle o punto gamberro que todas as que fomos nenas boas (como debeu de ser Feijoo) queriamos vivir algún día. Algunhas lograbámolo de vez en cando nas excursións sentando na ringleira do final do bus. Feijoo atopou a súa ringleira de atrás nese iate do máis gamberro da clase e nesa viaxe a «un lugar con neve». Pero se despois un quere dedicarse á política, ¿que digo?, ¡ser presidente!, o punto gamberro queda feo, sobre todo para quen baseou o seu carácter político en seguir parecendo o alumno avantaxado que, ademais, non dubidaba en chivarse dos demais, crendo que o seu raseiro moral de neno bo podía medilo todo.
¡Que desgraciada é a política, si, pois non hai raseiros morais que sirvan se non se predica co exemplo! Cando o César non parece tan honrado, polo menos, coma a súa dona, é cando a ira da política cae de cheo sobre el. Por iso Feijoo, que é intelixente e sabe o que todos estamos pensando, se apresura a dicir (excusatio non petita) que o del é produto dunha persecución. Quizais non ten a conciencia tranquila, non polo día transgresor, senón pola pillada do raseiro moral que ese día gamberro esqueceu autoaplicarse.
Quizais a política non é sempre unha desgraza. Vista desde este lado, tamén pon as cousas no seu sitio, anos despois. E exerce unha fermosa xustiza poética.