V ello é o dito do grande escritor: «Estou máis orgulloso dos libros que lin ca dos que escribín». Por veces, quen é do oficio dá na diana, no centro da información. Para quen andou por lugares ignotos e de alá trouxo crónicas, é pracer inmenso atopar a obra dun colega que o induza á envexa da vivencia relatada. É o caso de Dentro do segredo, de José Luís Peixoto, publicada por Quetzal. O Peixoto -renomeado narrador, ficcionista, seleccionado polo Biblos Clube entre o mellor da oferta portuguesa- lévanos da man a un lugar que só se pode cualificar de onírico, e infernal, onde o viaxeiro sente noxo de ter comido carne de can e non pode lavar a boca dabondo porque, como en calquera hotel do país, non ten máis auga no cuarto que a da bañeira chea. Miseria tras miseria, fotos prohibidas, xuramento de non escribir sobre o visto, Peixoto transita Corea do Norte, continuo monumento a tres xeracións de Kims. A viaxe aínda non ten un ano, o viaxeiro foi admitido (sen móbil) nunha excursión conmemorativa do centenario do Kil Il-sung e levado ata lugares onde había seis décadas que ninguén vira un estranxeiro. O relato obriga ao lector á contención para non pasar páxinas vorazmente. Cómpre lelo a modiño, regustándoo; mais coa présa correspondente ao receo de que os xenerais da Corea paria fagan un movemento tolo que obrigue aos americanos a fulminaren o que nos fai lembrar O Mago de Oz en versión sociopolítica.