Escrache

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

01 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Disque a palabra procede do lunfardo e tiña que ver coa idea de retratar algo feo. O escrache é, dalgún xeito, destapar caras feas, as do xenocidio e da ditadura de Videla. Cando a Menem se lle ocorreu conceder un indulto que puña en liberdade os xenocidas, naceu o escrache como forma de destapar os torturadores e asasinos ante aqueles que convivían con eles.

A verdade, non sei por que en España, coa cantidade de motivos que tivemos, non se nos ocorreu importar a fórmula antes, pero, coma sempre, fómolo facer tarde e mal. ¿Cren que é o mesmo destapar a cara fea dos torturadores dunha ditadura ca manifestarse diante das vivendas dos parlamentarios porque non se comprometen cunha lei que impida os desafiuzamentos e os abusos hipotecarios? Paréceme que non. Primeiro, porque moitos desafiuzados e afectados pola hipoteca votaron unha lexislatura tras doutra os partidos que, desde que hai Constitución e dereito a vivenda digna, non se preocuparon por mudar esa lei. Segundo, porque hai outras disciplinas de partido que merecerían un escrache continuado: certos indultos, certos encontros dos dirixentes dos partidos cos altos banqueiros. En fin, acordamos de Santa Bárbara cando trona, e non creo que amolar a un parlamentario e aos seus veciños, por moi xusta que sexa a causa, sirva para destapar nada. Apuntan mal. Claro que os deputados son neste caso a escusa para ser mediáticos, e aí si que apuntaron ben: agora sabemos que a inxustiza dos desafiuzados é fea con ganas. Mais non por iso os deputados van mudar o seu voto. Tempo ao tempo. E os veciños, aturando ruído.