Talentos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

A imaxe que teñen os políticos do seu pobo quédame clara. Pensan que somos ilusos e apampados, e trátannos coma tal. Pero en lugar de tomalo á lixeira, deberan pensar que son precisamente eles quen dirixen. Igual non é moi alentador encabezar as tropas dunha panda de aloulados? E que non o neguen, porque se non que me expliquen por que nos tratan así, mentindo e dicindo hoxe que non e mañá que si, sen darnos dereito a réplica nin preguntas, convencidos de que achantamos con tal desprezo. Coidadiño tamén coa imaxe que están a levar por aí adiante.

Escoitaba hai uns días a unha das mentes máis lúcidas deste país, Ángel Carracedo. Sae todas as semanas fóra de España e nunha destas visitas comentáballe unha persoa que sería o primeiro ano no que non se achegaría á capital española por non atopar tanto mendigo pola rúa. Tivo que explicarlle que non ía ocorrer iso? en contra do que vía na televisión.

Dicía o catedrático de Medicina Legal que se debe ensinar o malo, pero tamén o bo. E el, disto sabe moito. É un dos nosos científicos con maior proxección internacional, e unha persoa extraordinaria. Cando lle preguntan polos éxitos, di que se deben ao seu equipo, valorándoo sempre. A sinxeleza é un dos adxectivos que mellor o cualifican, sempre disposto a axudar e divulgar.

Coiden destes talentos. Por favor. Son o noso tesouro.