Malos contra malos

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

11 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ás veces vendo a tele ou lendo os xornais parece que estamos no Chicago dos anos vinte. E non o digo polo caso Bárcenas. Refírome á noticia sobre unha banda de búlgaros especializada en roubar aos narcotraficantes polo procedemento de venderlles coches roubados onde colocaban micrófonos. Son peligrosísimos e moi violentos. A xente comenta: ¡Moi malos deben de ser os búlgaros para atreverse cos narcos!

Pois non son os únicos. Como afeccionada ás novelas policiacas, veño seguindo dende o 2010 as noticias sobre bandas que atracan a narcotraficantes. A chamada a banda Cásper funcionaba polo sur e Levante e tamén por Madrid, contrataba xente para dar os golpes e nela había hispanoamericanos, algún inglés e polo menos un español, segundo a información proporcionada pola policía.

Que se maten entre eles é perigoso porque poden coller no medio a alguén sen culpa ningunha, pero o que me parece máis preocupante é que ese ambiente de loitas entre bandas é un signo claro de corrupción na sociedade e de debilidade nas forzas encargadas da defensa do país. As dificultades económicas son caldo abonado para a delincuencia e a falta de contundencia na represión policial, tamén. Menos pegarlles a rapaces manifestantes e máis man dura coa delincuencia organizada.

Se veñen actuar aquí é porque teñen máis posibilidades de éxito que noutros países. Son malísimos, pero non son parvos.