Q ue queren que lles diga. A min, paréceme ben. ¿O que? En xeral, todo, este talante de optimismo que nos gastamos. Fai moito máis liviás as cousas, e resulta moi positivo. De non optar por esta actitude non conseguiriamos certas cousas, coma o da hipoteca de Urdangarin.
Permítanme que non o trate de duque, pois non sabería que poñer despois, se a denominación oficial, ou a que acuñou el, e ademais, Iñaki é campechano. Un tipo normal, con complicacións e problemas na vida? coas dificultades de todos. Complicado facer fronte á hipoteca nestes tempos. Pásanos a moitos, convertidos en expertos en finanzas para poder pagar cada mes o que nos saquea o banco polo piso de 80 m2. De aí que me pareza ben que se lle conceda un período de carencia de case un lustro.
Porque como Iñaki é unha persoa normal, un cidadán de a pé coma vostede e coma min, é o mellor camiño para que aos demais tamén nolo permitan. Todos somos iguais ante a lei. Ben, algúns un pouco diferidos, ou máis ben difusos.
Ao que ía. Que de non estar nun país civilizado, europeizado, progresista, democrático? coma é o noso, o de Iñaki podería ser un caso de privilexio. Menos mal que estamos na elite do mundo. Hoxe mesmo vou ao banco, a ver que pasa coa miña hipoteca. Igual lles dá a risa cando lles fale de carencias.