O ceo cotiza á baixa. Somos tan terráqueos e materiais que só miramos o firme firmamento, bendito, por cuestións climáticas. As estrelas son do deporte, do cine, de Hollywood ou Wall Street, pero non son esas as estrelas que miramos por ver os ollos dela ou del escritos na noite, profunda profunda. Hai xente que renega de tanto materialismo, histórico ou dialéctico. Dende a fiestra do seu cuarto contempla o ceo nas noites que anuncian primavera. É un costume pasado de moda, dirán algúns, pero aseguro que produce óptimos resultados en épocas críticas. Mira o ceo, anda. Ninguén é dono das estrelas. Elixe unha, aínda que non poidas vela. Esa. Linda. Pide. Le en voz alta, como unha oración, esta columna contra os infortunios: «Quítame, estrela, as mágoas e a fatiga. Dame alento cando o desalento dispare balas, pólvora e cristais na alma. Bícame cando os bicos falten e outórgame unha man, aínda que sexa só unha, para poder apretar nos días de frío. Fai que a boaventura non tarde. Que ela, que el, pense en min como eu penso nel ou nela (escóllase masculino ou feminino en función das propias preferencias). Que Alicia saia do espello para contarnos que a imaxinación é máis grata que a memoria. Que os grises e os de negro bailen kasachok. Que pare este andazo de estupidez e estúpidos, horteras, delincuentes, desaprensivos, malversadores sen escrúpulo e corazón de sapo. Que os teus labios desperten cosidos á miña boca cando desperto. Que algún soño se cumpra. Que Fantasía gane. Que desapareza aquela triste canción». A estrela, vivísima, agarda esta noite unha voz entre as nubes. A túa.