Beppe Grillo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

04 mar 2013 . Actualizado a las 11:00 h.

Coido que foi Francesco Alberoni, sociólogo, xornalista, editorialista dende hai anos do Corriere della Sera, quen empezou a chamar a atención na década dos 60 verbo da importancia dos liderados populares na comunicación de masas e, de maneira moi especial, na comunicación política: personaxes do mundo pop, cantantes, futbolistas, artistas de cine e da televisión, individuos que por circunstancias diversas entraban nos circuítos da difusión mediática, tendían a desprazar cunha eficacia sorprendente o discurso dos profesionais, sesudos catedráticos, intelectuais e especialistas. A cousa empezou na publicidade, recomendando produtos de consumo, e ao pouco tempo pasou á política, convertida en produto de consumo tamén, integrada dende hai tempo no sistema do espectáculo.

Lembro hai anos debates na televisión italiana, en plena campaña electoral, coa presenza de todo tipo de invitados discutindo programas e candidaturas, e o efecto popular que causaban nas audiencias velinas e ciccilionas, artistas de variedades, mesmo algún protagonista das páxinas de sucesos. Algúns acabaron nas listas de candidatos ao Parlamento, cando non promovendo partidos que non por marxinais deixaban de arrepañar votos. O caso Beppe Grillo, que nas recentes eleccións italianas, recibiu o apoio do 25 % do electorado ata a punto de converterse na primeira forza política do país, en parte debe entenderse nesta derivada. Só en parte, mais dentro dese marco de correntes alternativas que, diante do fracaso do sistema e das institucións operantes (os partidos políticos), acada a atención masiva das audiencias. Dende que en xuño de 2007 lanzou as súas primeiras propostas capitalizando a indignación popular contra a corrupción e as irregularidades clamorosas (e impunes) do modelo dominante, a proposta do artista italiano (¡un paiaso!, din os seus inimigos) non fixo máis ca medrar.

¿Que hai detrás do seu discurso? A indignación, o cabreo, a impotencia dunha sociedade que non ve saídas a unha situación que nos abafa. Non se trata de ofrecer programas. Trátase de dicir que non. Así non. E o público lanza a escena un cómico, que é unha maneira de poñer no seu sitio a todos os que se teñen por outra cousa e que, en opinión dos votantes, son bastante menos respectables e, sobre todo, bastante menos de fiar. Dende o humor, a parodia e a caricatura poden dicirse as maiores verdades. Hai pouco que andou por estes lares Leo Bassi, ¿lembran?, de características moi parecidas.

Falamos de Italia e ben podemos empezar a pensar en nós. Cando as institucións perden a credibilidade social, cando os individuos que as representan e as xestionan extravían o norte e estragan a ilusión da cidadanía, o sistema cambalea e, ao final, todo acaba nun circo. Tal é a opinión da cidadanía. Entre os paiasos e a xaula das feras, o persoal elixe os paiasos, transformados de súpeto nos voceiros da razón que os próceres da república, cada vez menos respectables, ignoran. Falamos de Italia, repito, mais se cadra podemos empezar a pensar en nós.