Sempre sentín empatía por quen dimiten, pois vexo neles un proceso de loita interior (o apego á cadeira fronte o apego á liberdade) que me fai observalos con mágoa. Pasoume co papa. E tamén co presidente da RAG.
Nesta historia de segredos ás voces, o tradicional hermetismo da RAG escorrega polas regandixas dun «respecto pola institución» que se aplica a uns si e a outros non. Coñecemos pola prensa motivos que farían comprensible a dimisión dun home cuxa integridade foi posta en causa pola polémica sobre a política de contratacións da entidade. Pola contra, el mesmo deu como motivo unha persecución por parte de sectores cainitas dunha RAG presentada algo maniquea de máis para o meu gusto literario. Non comparto que preguntar por iso no plenario, órgano para facelo, deba considerarse unha agresión que vitimiza ao interpelado, pero entendo a quen prefira considerar ese dereito dos membros unha persecución. Nesa institución, por suposto, hai loitas de poder (un poder algo pretencioso), igual ca na miña comunidade de veciños.
O que si comparto é que isto non debería implicar un cuestionamento total da xestión de Ferrín, algo inxusto, pois os feitos do seu mandato falan por si sós. Tamén comparto que esta crise debería abrir oportunidades de renovación. ¿Que tal unha muller na presidencia, unha capaz de irradiar sensatez?