Superación

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

26 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Sen dúbida, apuntaba a converterse nunha das historias de superación máis emblemáticas e coñecidas no mundo. Un neno que nace cunha estraña malformación conxénita que lle provoca, entre outras cousas, a amputación das súas dúas pernas. Como para afundirse.

Pero non, todo o contrario, supera todos os atrancos, e a si mesmo, e faise deportista de elite, grazas a unhas próteses que lle permiten correr máis veloz que un lóstrego. Tanto é así, que participa nos xogos paralímpicos, e posteriormente, nos estándar, en Londres 2012. E aí aparece situado na liña de saída, na final dos 400 metros lisos. O disparo de saída iguálao aos demais participantes na proba.

Por desgraza, este non foi o disparo que marcaría a súa vida. Houbo outros moito peores. É curioso como poden virar as tornas en minutos?

Cando era ben pequeno, puido dar todo por perdido. Deixarse ir, laiarse? pero non o fixo. Superouse. E cando por fin conseguiu case todo o que unha persoa pode desexar, esfarelouse o castelo dos seus soños. Contaba cunha boa posición económica, respecto e recoñecemento, comodidades, unha parella estable e envexada? E supoño que moitos problemas. Catro disparos feitos por el acabaron coa vida da súa moza, a modelo Reeva Steenkamp. Óscar Pistorius é o protagonista desta tráxica historia cun final aínda por dilucidar. Incrible que quen tanto loitou por construír paso a paso durante moitos anos, derramase dunha puñada todo o traballo só nuns minutos.

Neste caso, quen supera é a realidade á ficción.