Shakespeare advertiu sobre os actores aos políticos do seu tempo: «Mellor que teñades un mal epitafio de mortos cás súas críticas de vivos», dixo Hamlet. Lembreino durante o encerro dos profesionais das artes escénicas na Cidade da Cultura, especialmente cando vin as imaxes vergoñentas do seu desaloxo. Entendín que os actores nin sequera van ter a opción de Shakespeare, pois o teatro galego morreu sen darlle tempo a espallar malos epitafios.
As artes escénicas sofren un ERE masivo do que ninguén fala e polo que ninguén se manifesta, malia que a Administración pública as viña sostendo desde a convición, agora a piques de desaparecer, de que son un ben público, coma a auga ou a educación. Mais os recortes (grosso modo de 50 % en 50 % anual, coma en ningún outro sector) apuntan directamente a un cambio de modelo unilateral que procura deixar caer un sector que ninguén rescatará. A intención é mercantilizalo e evitar que se dirixa unha parte irrisoria dos nosos impostos a unha actividade tradicionalmente incómoda para o poder por esa tendencia ao epitafio que dixo Shakespeare. Aínda que, neste caso, os malos epitafios tamén os merece unha cidadanía incapaz de soster á marxe do Estado ou esixirlle a este ningunha das cousas que a enriquecen. Chámense sanidade, educación ou teatro.
Pensen onde están os momentos felices da súa infancia: trapecistas, magos, títeres... En Galicia iso foise. No seu lugar temos escenarios baleiros a apodrecer vítimas dun prexuízo masivo: que a cultura non importa en tempo de crise. E vaia se importa: en canto poden, os políticos apuran a desfacerse dela. ¿Por que será?