Aurelia

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Escribín moitas veces que os bancos non teñen corazón. Parece que a xustiza, ás veces, tamén carece del. Digo isto por ti, Aurelia. Con oitenta e cinco anos e un par de débedas recibes unha orde xudicial, tan fría, para que saias da túa casa. Imaxino que o xuíz cumpría co seu deber. O deber, ese artefacto intelectual que Kant consagrou dun xeito ben distinto a este: en nome do deber perpétranse auténticas desventuras. Aurelia, querida, desculparás que o teu nome ocupe hoxe esta columna: xoves de sentimentos. Escríboche a ti en nome de todos os que sufrides a miseria deste tempo: inmoral e pérfido, absolutamente. Cando o martes vía o teu rostro na fotografía de La Voz boteime a chorar, e só por non poder abrazarte. Gustaríame estar preto de ti, tomar un café contigo, coller a túa man e darche todo o cariño: meu e de todos os cómplices desta columna. Coller a túa man e apertala con forza para darche forza. Con amor para pousar en ti todo o amor deste país pequeno. Con luz para iluminar cada un dos teus días. Arriba, Aurelia. Estamos contigo os que cremos que non é xusto o que nesta ocasión decreta a Xustiza. Estamos contigo os que pensamos que non pode estar na rúa un individuo que evadiu vinte e dous millóns a unha conta de Suíza (na rúa corruptos, ratas e vermes) e ti teñas que abandonar a casa na que levas vivindo sete lustros. Estamos contigo os que non nos resignamos á putrefacción destes tempos. Contigo centos de miles que pensamos que o ser humano é moito mellor do que parece. Van os meus abrazos. Repito o teu nome entre as pedras do meu castelo. Só quero que sexas feliz, Aurelia.