Teño un amigo que se chama Valentín. É cómplice, «iniestista» coma min, e gústanlle Los Toros. Tamén lle gusta El Barrio e cando o do medio de Los Chichos canta, el, zamorano de capea, canta tamén. Cando era adolescente tiña outro amigo Valentín, xogabamos aos reis magos e, disfrazados de Melchor e Baltasar percorríamos ilusións como se fosen mares. O Valentín de hoxe, catorce de febreiro, tan artificial, non se parece ao meu Valentín de agora nin ao Valentín de antes. Os amigos son auténticos ou non son. San Valentín, comercial e almibarado, é outra cousa. Non obstante non denigremos a san Valentín. No seu nome homes e mulleres pintan con xiz de cores bicos, abrazos, quérotes en medio do anticiclón das hormonas. En nome de san Valentín hai versos onde só había prosa. Tecleamos tenrura nos ordenadores e nos noticiarios, grises, o amor é noticia. Chegan mensaxes de amor a todos os recantos deste país ineficiente. Ámote, din, e eu disfrázome de alegría agora que pasou o carnaval. Ámote, escriben, e sinto que o ser humano é tan humano. Ámote, deberiamos esculpir no papel cadriculado do tedio. Ámote nos Parlamentos, correosos, agresivos, tensos, tan maleducados ultimamente. Ámote é verbo necesario agora que o máis necesario é amar. Por iso lle teño lei a este san Valentín aínda que non o celebre. San Valentín que descobre bos sentimentos, dozura, chocolate nos labios. San Valentín parécese ao meu Valentín cómplice en que son boas persoas. Só eles, os bos e xenerosos, coñecen o valor dos afectos. Amar, hoxe máis que nunca, é gritar esperanza. Só por iso, viva Valentín, santo santo santo.