Q ué difícil resulta renunciar. Abdicar. Claudicar. Dimitir. Incluso dicir non. Posiblemente a máis difícil sexa a primeira, admitir que non podes seguir, por moito que queiras. Abandonar voluntariamente unha cousa que se posúe ou á que se ten dereito; desistir de facer o que se proxectaba ou desexaba. Mudar a túa vida, en certo modo.
Por iso cando non nos queda outra que renunciar, normalmente agardamos ata o último minuto, esgotamos as posibilidades, tanto as propias coma as dos que sofren as consecuencias. Revolvémonos por fóra e retorcémonos por dentro. Non queremos, é duro. Renunciar a privilexios, comodidades, logros, éxitos, recoñecemento por parte dos demais. Renunciar a un amor? ¿quen quere? Ninguén. Aínda que se vexa vir, a espiña que o crava nas entradas nunca quere saír.
E moito máis complicado renunciar se iso non implica pasarlle a testemuña a un fillo, un irmán, unha persoa que vive no teu corazón. Fere moito máis renunciar sen máis, dicir adeus.
Paréceme ben que quen non se sinta con forzas, saiba frear a tempo, pensando, sobre todo, no ben dos demais. Tiveron que pasar seiscentos anos para que se repetise unha renuncia papal. Hai moitos sectores e xente que deberan aprender deste novo xiro na historia.