No mundo tamén acontecen cousas que non son gobernos tirados dun Mortadelo. Antes de que o PP se precipitase polo sumidoiro, alguén atacou a dúas mulleres prendéndolles lume; logo, durante a flaxelación nacional, soubemos que detiveran a dous homes pola agresión, e que a Garda Civil non a consideraba un caso de violencia de xénero. Finalmente, mentres aceptabamos o erro de fachendear durante anos de que o noso Parlamento era un Patio de Monipodio, apareceu neste xornal a nova de que o 15 % dos galegos consideran inevitable ou aceptable a violencia de xénero.
Vímolo estes días. A opinión pública só está disposta a mobilizarse cando se trata de cartos, e a violencia machista é vista como algo tan normal que, para ser noticia, se marca como especial. Por iso lle aplican a dúbida: ¿será ou non será? E así, ás veces, tralo criterio para establecer o que é violencia machista, rexorde o rancio concepto do «crime paixonal». Por iso a Garda Civil pode dicir o que queira, pero hai un fondo sexista no estilo da agresión a esas dúas mulleres: está detrás toda a tradición do asasinato de mulleres por combustión (sumada ao ácido e a lapidación), alén do aproveitamento da superioridade física do agresor. Ademais, intúo que un asunto de cartos, entre homes, se resolvería doutra maneira máis física, máis inmediata.
Temos un problema cando lle buscamos tantos pés ao gato para explicar unha brutalidade específica para mulleres, e mentres as primeiras instancias que tratan co problema (corpos de seguridade e xuíces) non se liberen do prexuízo, non mudará esa percepción colectiva de que agredir a unha muller non é diferente dunha lea entre mafiosos.