«Ferrol tiene playas, marisco y sol»; e alcol, para esquecer glorias pasadas. A cidade prexubilada, na que o rioxa podería entrar por viñoduto, acolle a maior concentración de coñecemento técnico per cápita de España, hoxe cesante en boa parte. Tanto ten un experto en radares tridimensionais coma un mestre de soldadura: aos 52 anos, a beber rioxa.
O de Ferrol é imperdoable. Políticos e sindicalistas levaron a cidade a perder 20.000 habitantes nos 30 últimos anos. Estranxeiros que a visitan hoxe fican tan perplexos como outrora don Jorgito el Inglés.
En 1836 o promotor da Biblia preguntábase como puidera decaer a tal miseria a primeira cidade galega ata había pouco. Hoxe os visitantes preguntan por qué non flúe o coñecemento dos ferroláns, cómo non se aplica a sabedoría dos xubilados á docencia, por qué non se aproveita o centro de transferencia tecnolóxica con que conta a cidade...
Ferrol vibrou, vivaz, en tempos de construír barcos. Despois pasou a reparalos, e colleu sona no mundo. Agora fálase de despezar o Príncipe de Asturias e mírase para unha fragata a enferruxar na base da Graña.
En Bruxelas iso chámase decommissioning: deconstruír e reciclar. Nada coma un reloxeiro para desmontar un reloxo, e quizais os estaleiros de Ferrol poidan atopar sitio na green economy despezando barcos con xeito. A capital da Ferrolterra pode volver medrar usando os seus saberes para a utopía dun mundo sostible. «Andar á ferranchina» (dito ferrolterrán) aínda pode ser motivo de orgullo.