Leccións de historia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

27 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

N o Culturas de onte o historiador Juan Pablo Fusi subliña unha frase que se ten repetido moitas veces: «Só poderemos saber o que somos se determinamos antes como chegamos a ser o que somos». Non hai consciencia crítica do presente sen coñecemento (crítico tamén) das razóns do pasado. Crítico quere dicir analítico, documentado, non doutrinario. E podemos engadir: dificilmente haberá proxecto de futuro para ningunha sociedade (tampouco para as persoas) sen información, coñecemento e consciencia do seu pasado. Son as leccións da historia. E a responsabilidade dos historiadores, que en termos modernos son os científicos da historia.

¿Que nos está pasando? Velaquí unha pregunta que sentimos decote arredor de nós con explicacións moi diversas e non todas convincentes. Seguramente porque non hai unha resposta única. Estannos a pasar moitas cousas e todas xuntas, ao mesmo tempo: unhas nacen de dentro e outras veñen de fóra; unhas teñen circunscrición próxima e outras hai que entendelas nesa nova realidade histórica da «globalización» que nos reborda; unhas teñen cara e ollos (nomes e apelidos) e outras veñen da man dese universo de institucións, entidades, organismos, corporacións non sempre doadas de identificar que condicionan as nosas vidas e as nosas economías (incluídas as domésticas) dende foros privilexiados, de acceso restrinxido, que na actualidade escapan a todo control democrático (se entendemos por democracia os intereses da cidadanía), acaso unha das dimensións máis graves do problema, á que non parece que se lle estea dando solución.

Os profesores Ramón Villares e Ángel Bahamonde veñen de actualizar a súa visión do mundo contemporáneo. Un relato da historia da humanidade nos últimos douscentos anos que se remonta á Ilustración e á Revolución francesa e chega ata os nosos días, incluída a crise financeira, política, cultural, económica e institucional que estamos a sufrir. ¿Que nos está pasando? Os autores do libro propoñen unha reflexión documentada sobre a o tempo presente a partir da perspectiva que nos ofrece o coñecemento e a interpretación do pasado. Nada sucede que non poida explicarse (e comprenderse) dende atrás, mesmo dende as solucións que noutrora se ensaiaron (o pacto histórico que permitiu a estabilidade social e política de Occidente despois da Segunda Guerra Mundial, por exemplo) e que hoxe se ignoran.

Un traballo lúcido, intelixente, que lle dá sentido ao historiador contemporáneo e que o lector atento non debería deixar pasar: O mundo contemporáneo (Taurus). ¿Cando empeza o novo tempo que estamos a vivir? ¿No atentado ás Torres Xemelgas en setembro do 2001? ¿Na caída do Muro de Berlín algúns anos antes? ¿Qué semellanzas ten a crise financeira a política actual (incluído o futuro da Unión Europea) con sucesos que aconteceron hai agora cen anos (a crise de 1929)? ¿Que podemos deprender das actuacións que no seu día se implementaron? Dificilmente acertaremos co futuro sen a reflexión e o coñecento da memoria compartida.