Se choras

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Parecemos tan duros, pel esparto. Cambiamos a tenrura por un disfraz neumático, astronauta, como se a dor fose lugar prohibido e as lágrimas (¡ai, as lágrimas!) un asunto menor apto só para melindrosos. Convertemos a palabra afecto en afectismo, e o amor en orgasmo, e as caricias en mobiliario de parque infantil. Abrazamos menos do que debemos, e case só damos bicos de compromiso. Levamos recauchutado o corazón. No todo a cen da esquina, tan barato, compramos barricadas que nos sirvan para vivir sen ser mancados. Pero a dor forma parte da vida. As lágrimas, tamén. Se choras, debes pensar que hai alguén que cambiaría as túas lágrimas -como se fosen cromos- por un camión frigorífico grande grande de risas. Eu fun educado entre mulleres. Todas dicían que calquera mal que me viñese, que antes lles chegase a elas. Sentíame protexido. Qué pode reportar maior seguridade que o amor sen interese, a cambio de nada. Unha desas mulleres, a muller que máis me amou e ama, está enferma. A min gustaríame dicirlle tamén que eu quixera cambiarlle -como cromos- a súa dor por un camión frigorífico grande grande de risas. Pero non sei que pasa cos cromos que, en ocasións, non poden intercambiarse. Por iso escribo esta columna, para secarme as lágrimas en público. Sen rubor. Porque se choras vas limpando o adentro: de amargura. Se choras, vences a dor inhumana: porque ti es humano. Se choras, alguén en calquera parte está chorando contigo, solidariamente. Se choras, non estás só, e mil brazos abrazan tensos e intensos a túa alma. Prefiro as lágrimas que a altivez dos pel esparto, tan duros. E tan pobres.