Por sorte, o mundo non rematou no 2012. Sería un desperdicio, agora que xa nos afixemos a vivir en crise e que, sen dúbida, sabemos como afrontar un ano titulado como películas de terror, profecías fatídicas, asentos de avión inexistentes ou andares perdidos en altos rañaceos. E malia todo, non sei que lle acontece á xente co ano 13, que parece o parruliño feo dos anos, coma se o 2008, o 2009, o 2010, o 2011 e o 2012 fosen prototipos de beleza e felicidade, agora que, xuntos, os cinco conseguiron que aprendésemos a felicitar cada aninovo nunha sorte de competición para ver cal é peor ca o anterior.
Non quero eu poñerme en plan optimista ao De Guindos nin debuxar o estúpido sorriso de Cristóbal Montoro para maquillar un ano 13 algo birollo, cellixunto, desdentado e corcovado de nacemento, pero paréceme a min que os vindeiros 365 días, xa postos, non teñen por que ser tan diferentes dos de esoutros anos anteriores aos que sobrevivimos porque, malia todo, puidemos. Puidemos co paso do tempo, puidemos con ser máis pobres, puidemos cos responsables de tanto desastre e tanta desvergonza, e puidemos cunha falta de liberdade asombrosa que, día tras día, paradoxalmente, nos fixeron máis fortes e nos ensinaron a encarar este ano 13 sabéndonos máis dignos ca os que lle puxeron o mal nome.
Por iso, a pesar de todo, eu propoño porfiar en sermos felices porque o merecemos e porque iso nos enriquece. Porque os anos malos son pedras no camiño pero non abismos. E porque, en realidade, non deixar que nos maten é triunfar. Igual que é triunfar dicir cada un dos vindeiros días do ano 13 que o emperador vai espido. E só grazas a iso calquera ano pode ser bo.