Investigación e educación

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

02 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

I nvestigación e educación é un binomio en perigo no Estado español. Tamén agora, tamén coa crise, están en risco, despois de cinco décadas de políticas continuadas de apoio, que definiron un modelo que funcionou e, sobre todo, que concitou o aprezo público. Paliar o atraso científico e educativo foi unha prioridade, mesmo obrigada polos organismos internacionais na negociación durante o franquismo do Plan de Estabilización de 1959 e apoiada despois polo Banco Mundial. A creación da CAYCIT, (1958) para impulsar a ciencia e a Ley General de Educación (1970) marcaron o inicio dun proceso que a democracia materializou, dun xeito que xa coñece quen le. Pasouse do analfabetismo acrecentado polo franquismo a unha sociedade con altos niveis de formación e un sistema científico que ocupa o décimo posto mundial. O sistema, en conxunto, tivo un éxito evidente. Tanto que hoxe semella que pode ser limitado sen límite. Apelando aos seus defectos, que os ten, ás xa tradicionais críticas dunha certa dereita súmanse hoxe as dalgúns savonarolas posmodernos que tiran as pedras das súas frustracións contra os tellados da casa da ciencia e, de paso, da educación universalizada.

A crise, Bolonia, o eterno mito do paro universitario, o ránking de Shanghái... son o pano de fondo dunha revisión reaccionaria do I+E que o ministro Wert, está a piques de concretar. Por iso convén alertar sobre o risco de desartellar os sistemas de ciencia e tecnoloxía e os sistemas educativos ao amparo da actual crise. Cando en España logrou recuperarse a posición científica mundial perdida en 1936 e engancharse no Estado do benestar que a Europa construíu dende 1950, a crise na banca e no ladrillo, no turismo e na construción de infraestruturas, quebra o sistema económico e coa sanidade e a educación, a ciencia convértese naquilo que «non podemos permitirnos...», cando precisamente sabemos que forma parte dunha posible salvación.

¿Volveremos ao home feito a si mesmo ou seremos quen de lermos o significado histórico do Nobel a Severo Ochoa? Explícome. Volveremos colocar nos altares sociais a eses homes (sempre son homes) feitos a se mesmos, estilo Díaz Ferrán, que non tivo necesidade de rematar enxeñería industrial cando o diñeiro e as oportunidades -taxadas- de negocio fluían na fin do franquismo ou tantos outros que presumen de que o seu éxito é inversamente proporcional á súa formación. Ou teremos como heroe a un Severo Ochoa que puido ter sido Nobel en España de non ter mediado a guerra que o fixo exiliado e cidadán norteamericano. Facendo un exercicio contrafactual, e coñecendo o nivel da ciencia española anterior á Guerra Civil, pode supoñerse que aquel discípulo luarqués do fisiólogo canario Juan Negrín -que hoxe só coñecemos como primeiro ministro da República en guerra- seguiría a Cajal nunha listaxe de nobeles españois tan ampla como a de Italia cando menos, de non mediar o golpe de Estado que provocou a guerra e a vitoria de Franco. É un dilema interesante ao que teremos que responder axiña.