N on quixera pechar o ano así, con esta sorte de tristura e preocupación que nos envolve a todos ultimamente. Prefería inundarme da ilusión e a ledicia de cando era nena e chegaban as festas. Todo ulía a maxia e sorriso. Quixera, si, pero o paro, as preferentes, os recortes? e todo o que levamos a falar e sufrir nos últimos tempos, realmente déixamo moi complicado.
Con todo, dóeme máis facer balance e pensar na xente que me deixou, e nos que teño lonxe, ou máis afastados do que desexara. Quedaranme bicos e apertas por dar, e caricias que se me pegarán ás mans queimando por saír, agardando por atopar o seu lugar, insubstituíble.
Quero abrigarme coa bufanda e protexerme baixo o sombreiro. Sentir o frío e a choiva sen que me observen. Volver a casa e deixar pasar o tempo entre as faíscas da lareira, os silencios, o olor a fume. Recuperar as sensacións que aínda me quedan, e calmar no posible o desasosego do que me falta. Pechar os ollos e converterme en cativa, aínda que sexa por un momento, para traer a min os recordos máis fermosos. Por fin semella que chega o verdadeiro Nadal, coándose tímido e medindo os pasos cos que internarse nestes días difíciles. Agora podo deixar que remate o ano, e prepararme para abrir a porta do seguinte, con moita prudencia e algo de esperanza.