D e novo, nunha avaliación internacional, os escolares españois quedaron por baixo da media da Unión Europea e dos países integrados na OCDE en lectura, matemáticas e ciencias. Nesta ocasión foron nenos de nove anos, de 4º de primaria.
Un escaso nivel en lectura significa que o nivel de comprensión lectora é baixo, ou sexa, que non entenden o que len e, en consecuencia, tampouco entenden as ciencias nin as matemáticas. Así de sinxelo e triste. A carencia ven de lonxe e non parece que lle vaian poñer remedio. O ministro de Educación e os seus opositores nacionalistas están enguedellados nunha polémica que ten máis de política que de educativa.
Un neno que le desenvolve a súa capacidade de razoamento abstracto, cualidade que lle facilitará a comprensión de calquera materia. E se ademais fai redaccións, mellorará extraordinariamente, porque a loita coas propias palabras para expresar o que se quere dicir axuda a desentrañar o que outros escribiron.
A labor hai que iniciala dende o berce: aos nenos hai que contarlles contos, hai que ler con eles e non sentalos diante do televisor ata que caen de sono. E nos centros hai que ler moito máis, porque o que se gañe en lectura repercutirá no resto das materias e da vida. Ler abre horizontes e enriquece a existencia... cando se entende o que se le.