Home rico, ¿pobre muller?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

15 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Toda a historia de Dominique Straus-Kahn é digna dun thriller de Hollywood, no que el viría sendo o vilán debidamente castigado, ma non troppo, por ser debidamente rico. Pero a que a min me interesa é a historia de Nafissatou Diallo, que resume en si o personaxe romántico: unha pobre limpadora negra do Bronx que se enfronta, cal David contra Goliat, ao poderosísimo vilán. Pero David perde fol cando entran en xogo os despachos de avogados de Manhattan e cando un concepto de honra que semella extraído do Século de Ouro é o que nos dá as claves fondas da definición de Diallo co apelativo, tan americano, de self-made-woman.

Para esa novela, valoraría qué exemplo de conduta escoller: "un Straus-Kahn corroído pola ambición e o vicio sexual" Non. Moi aburrido. Quedaría coa camareira que non dubida en demostrar a aplicación das leis do mercado capitalista ao delito da violación, pois ese é o final feliz deste escabroso relato. Contaría como os xornais de todo o mundo case que se aledaron de que unha violación tivese lugar porque, a modo de fada madriña, exiliaba do Bronx a esta Cincenta contemporánea. E escribir violación e fada madriña na mesma liña, sen dúbida, sería o obxectivo da frase derradeira desa miña novela sobre unha muller á que lle tocou unha lotería de entre 3 e 6 millóns de dólares grazas a ser violada.

Porque polo visto, segundo a nova máxima do feminismo segundo Nafissatou Diallo, se te viola un millonario, sorte que tés.