Os bromistas foron dous xornalistas dunha radio australiana, novos, guapos, decididos e sen escrúpulos. A vítima, Jacintha Saldanha, enfermeira, 46 anos, nai de dous fillos, nacida na India, pero que podería ser galega ou de calquera país do que a xente emigra para gañar a vida. Traballaba no hospital onde estaba ingresada a duquesa de Cambridge.
Os xornalistas chaman ao hospital finxindo ser a raíña de Inglaterra e seu fillo Carlos. Preguntan se poden falar «con Kate», a enfermeira pasa a comunicación a outra compañeira que informa de que a paciente durme e dá algúns detalles do tratamento. Os xornalistas emiten as conversacións, aderezadas con comentarios xocosos, que son reproducidas en todos os medios. Todo o mundo ri da torpeza da enfermeira: ningún inglés se deixaría enganar pola groseira imitación do acento real, din. Jacintha, unha excelente profesional, ve que o seu prestixio roda pola chan.
Dous días despois aparece morta. Fálase de suicidio, non puido resistir a presión. A dirección do hospital di que eles a apoiaban, a Casa Real di que non presentou queixa polo sucedido. A emisora australiana di que os bromistas son «tamén vítimas», a prensa os ampara. Ningún culpable, todos satisfeitos... A fin de contas só era unha emigrante incapaz de recoñecer o acento real.