M esmo desacougo me producen as obsesións lingüísticas do ministro Wert (touro bravo, como ben se define xa que escorna), por unha razón: porque, na súa irracionalidade, lembran as obsesións sexuais da Igrexa, moi difíciles de entender, unhas e outras, nesta Europa do século XXI.
É grande irracionalidade a teima do señor Wert por garantir o ensino e coñecemento do castelán en Cataluña cando todo o mundo sabe, e o ministro tamén -e aínda Messi- que os escolares cataláns veñen acreditando un coñecemento daquela equivalente, e ás veces superior, aos doutras comunidades, realidade para a que está cego o tal ministro, pois non lle cadra cos tópicos ao uso nin coas súas teimas e obsesións.
Trátase, pois, dunha obsesión, dunha teima, e, como case todas, irracional. Pero preocupante porque a súa actitude combativa e disposta a avivecer todos os nespreiros que se lle poñan por diante, e por falta de sentido político e cultural, está creando situacións dunha tensión e conflitividade nunca sospeitadas.
Tamén aquí as súas obsesións me lembran as teimas sexuais eclesiásticas, pois teñen en común o concentrar toda a atención no que non é problema, sen que se poña parello empeño no que si importa: no seu caso, os medios para obter unha calidade do ensino, da que tan lonxe estamos, ou esquecerse, no caso eclesiástico, das inxustizas e da miseria que as torpezas do señor Wert e os seus compañeiros están traendo a este país.
Obsesións, ao cabo, xeradoras de tristura e medo á felicidade -o sexo é pecado, non fonte de realización e de felicidade- e as linguas -as outras- causa de conflitos e non de riqueza e de alegría: todo se fixo pola palabra e por iso ela é a luz da humanidade, escribiu San Xoán. Pero este foi un home culto.