Enerxía necesaria

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Un ano máis, parece un milagre, abre as portas Culturgal, a feira da industria cultural galega que anualmente reúne expositores, empresas, autores, iniciativas e publico na cidade de Pontevedra. Nesta ocasión son 71 entidades participantes, segundo explicou o seu presidente, Xulio Amigo, arredor de 200 actos e máis de mil profesionais acreditados, algúns deles procedentes da outra beira do Atlántico. Vén cadrar a fin de semana coa entrega do premio de novela curta Repsol a María López Sández na Coruña, o premio Blanco Amor a Ignacio Vidal en Fene, o pulo da cinematografía galega (Arrugas) polo mundo adiante, a lembranza do autor de A esmorga en Ourense, novas presenzas da banda deseñada na Rede (Xosé Tomás), os músicos polo mundo adiante? Seguimos vivos. Tamén cadra coa redución drástica dos estímulos por parte da Administración pública, a piques de acadar mínimos históricos: case que un 70 % menos, sumando as Administración autonómicas, a do Estado e as depauperadas Administracións locais. «Querer aforrar en cultura é un camiño moi perigoso», advertía Xulio Amigo. Pero seguimos.

A viabilidade dun país sostense sobre catro alicerces básicos: a súa vitalidade política, os seus recursos financeiros (hoxe practicamente extinguidos), a súa capacidade de produción cultural (identidade) e a demografía. Admitamos que en todas as frontes estamos á baixa, cun horizonte certamente incerto. O ensaísta Antón Baamonde explicábao o outro día cunha expresión moi grave: «Pode suceder que Galicia estea a piques de desaparecer como suxeito político». Suxeito político, suxeito económico, suxeito cultural e suxeito poboacional, dado o decrecemento previsible para as próximas décadas: ¿un millón de habitantes menos para dentro de vinte anos? A principios do século XX a nosa poboación representaba arredor dun 12 % da poboación do estado. Na actualidade apenas chegamos ao 5,8 %. Algunha reflexión deberíamos facer para explicar esta caída espectacular en apenas cen anos.

Neste estado de cousas, a cultura é un valor fundamental. Sobre a cultura, dende a capacidade de creación dunha sociedade, sostense o proxecto de futuro, mesmo en termos económicos e de crecemento. Que llelo pregunten aos americanos. Unha saia de costureira é unha saia. Esa mesma saia deseñada por un creador, promocionada e presentada nos mercados con identidade propia (Roberto Verino, Adolfo Domínguez) é outra cousa. Un viño branco é un viño branco. Se engadimos o Camiño de Santiago, a luz de Occidente, o románico, a música de Martín Códax, as cepas de albariño nas Rías Baixas (con esa historia que inventou Cunqueiro dos monxes de Cluny traendo as cepas dende o Rin no século XII, etcétera) é un produto con identidade, e a cada valor que se lle engade (valor simbólico) sube a súa cotización no mercado. Iso é a cultura: a capacidade de transformación dun país que non renuncia a si mesmo e, xa que logo, a un lugar específico no concerto da contemporaneidade. Un investimento, non un adorno. Aínda que algúns non o queiran ver.