C ada vez son máis os hábitos cotiás que se converten en luxo. Do habitual pasou extra esporádico, e agora engrosan a lista dos luxos que desexamos.
Ata o de agora, non precisei da suntuosidade, pero xa dubido. Quizais é magnificencia utilizar certo tipo de servizos, como as vías en bo estado. Reflexiono ante a subida de prezos na AP-9. A patronal de autopistas indica que, ou se aplica a subida do IPC, ou cobraranllo ao Estado. Pero a realidade indica que xa é a cuarta subida no mesmo ano. Daquela, non servía só o IPC, ¿ou como era o conto? Peaxe ao límite do atraco. ¡Non se pode querer todo!
Non entendo nada. Xa nin sei a qué velocidade debo circular. O anterior Goberno reduciu o límite de velocidade a 110 km/h (coa crítica da oposición ao custo do cambio de sinalización) para aforrar combustible e aumentar a seguridade viaria. Este goberno, ex-oposición, defende totalmente o contrario. Promove subir o límite de velocidade das autopistas de peaxe a 140 km/h. ¿O obxecto? Incrementar o uso destas vías (paliando así a suba económica) pero mantendo a seguridade. ¿E? o custo dos sinais?
Perdoen que se me debuxe un interrogante na cara. É que me desconcertan. Os estudos que abalan todas estas propostas? ¿só se fan desde a visión políticas? ¿Non hai obxectividade nunca? Altamente preocupante, si. Intranquilidade á máxima velocidade. Isto si que resulta pagar unha peaxe demasiado elevada como cidadáns.
E vaiamos pregando porque as necesidades básicas non se convertan tamén nun luxo inalcanzable.