Criterios desavidos

OPINIÓN

26 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

C alquera que sexa o resultado das eleccións de Cataluña vai ser un mal resultado para todos. Pois lonxe de resolver vai contribuír a complicar o problema da ordenación territorial do Estado. Hai unha cousa na que os cataláns teñen toda a razón: non se comprende nin se quere comprender o problema. Isto é toda a cuestión.

Dende o Goberno priva a ameaza, o pecharse ao diálogo -o máis oposto que pode haber á democracia-, o ton patrioteiro, cando non a rebuscada manipulación de feitos, de ideas e de circunstancias. O exabrupto, en xeral. E quen o poña en dúbida que repase os xornais destas últimas semanas e as manifestacións do mesmo presidente, de Sáenz de Santamaría, de García-Margallo... e non falemos xa de adláteres como E. Aguirre, De Cospedal ou Sánchez-Camacho.

Manifestacións, ou mesmo urros, que contrastan coas boas maneiras de Pere Navarro («o que teñen que facer o PP e CiU é producir as condicións para que os cataláns se poidan expresar en absoluta liberdade, pero tamén con absoluta seguridade»), ou de Duran i Lleida, cando di que se o Goberno non entende este clamor do pobo catalán, o lóxico é que o independentismo vaia a máis.

É lóxico para calquera, agás para os que gobernan, que as actitudes autoritarias e de subida frivolidade sexan o mellor viveiro do independentismo. Por iso corre o dito por Cataluña que xustamente na Moncloa é onde o independentismo ten a súa fonte mellor e a súa escola máis eficaz.

Pois o Goberno está botando a perder todas as posibilidades de pacto que o asunto require e esixe, pechando portas en vez de abrilas, avivecendo o avesporeiro en vez de acougalo. E tal cousa dista moito de ser unha boa política. Ao cabo, é a actitude menos política imaxinable. Non sei cando van aprender.