Un día calquera, deses que parten un mes pola metade, decides que non van poder contigo os crepúsculos nin os escuros prognósticos. Un 15 de novembro decides ser menos infeliz, simplemente. Quince modos, polo menos, de prometer que paga a pena, que non renuncias, que despois do último recanto está o tren prata da alegría esperando a que chegues. Esta vez non partirá sen ti. Colocará no vagón de cola a cola de todos os cometas. Haberá pallasos con cara de pallaso e un quinteto tocará sonatas de todos os mestres, piano piano. Un 15 de novembro soará a frauta máxica da esperanza, outra vez. E mirarás con ollos de neno o río, océanos, a tímida luz do solpor no oeste. Escoitarás cancións de regreso e volverás escribir versos. A lotería, esa que reparte fortuna, tocará nos hospitais e os enfermos curados anunciarán que a única riqueza é a saúde. Os noticiarios serán pintados, por orde gobernativa, con música. Os amigos serán máis amigos cada día. Os inimigos serán máis elegantes. Un 15 de novembro escribirás o nome do teu amor imposible na auga, para que ninguén poida borralo: porque nunca acaba o que nunca comezou. Dirás que si, que chegarán os bos tempos, en lugar de dicir que non. Un 15 de novembro buscarás un teléfono que escoite a mil quilómetros do mar, a mil quilómetros de ti, as voces dos que só saben ser xenerosos. Desconectarás do dial as radios da tristeza. Acenderás candeas aos mortos que viven en ti (a quen tanto querías). Apostarás polo corazón, todo ou nada. Insistirás na risa. Esquecerás o rancor. Un 15 de novembro: arrebatada, entregada? felizmente.