Teño para min que aos case cinco millóns de parados, aos laborais que poden quedar sen emprego, aos milleiros de afectados por ERE, aos pensionistas que gastan en medicinas o que non teñen para comer, aos estudantes que non poden pagar as taxas, aos rapaces que non teñen optativas nos seus institutos, aos desafiuzados, aos afectados pola fraude das preferentes, ou aos empresarios sen crédito, lles importa ben pouco se esta folga deu mala imaxe dun país que, evidentemente, xa estragou hai tempo esa estupidez paternalista chamada marca España. Teño para min, tamén, que son peores para a imaxe de España as touradas, os políticos corruptos, os bancos avariciosos e aínda así rescatados, ou os mozos que enchen os países veciños de emigrantes españois.
Porque o certo é que probablemente as folgas non logran nada inmediato, sobre todo tendo en conta a incapacidade dos sindicatos para oír as verdadeiras preocupacións da xente, mais unha folga xeral ten unha consecuencia emocional que, polo menos, evita que os cidadáns empecen a tiros cos políticos: ter canles para dicirlles que, votemos a quen votemos, temos voz para amosar que o voto non é un cheque en branco para a estupidez e a incompetencia. Velaí a folga xeral e as manifestacións. O mundo ten que decatarse dalgún xeito de que España esmorece. E se iso dá mala imaxe, a nós plin. Peor imaxe dá a xente morrendo sen casa, os hospitais cos quirófanos pechados, os comedores de Cáritas cheos de exempresarios, e os aeroportos ateigados de brillantes profesionais. E iso non o fixemos nós. É mérito exclusivo dos incompetentes que nos malgobernaron ao longo duns vinte anos. E iso hai que berralo.