Igual para todos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai que ter moito coidado co que nos prometen, sobre todo cando se fala das cousas mediante titulares, sen especificar a letra pequena. O presidente da Xunta comprometérase a promover unha nova lei para o emprego público. Escoitado así, parece unha idea marabillosa para todos. Pero? logo de ver as especificacións que se propuñan para a mesma, semella que vai ser moi beneficiosa tan só para uns poucos. ¡Vaia!

O Movemento pola Igualdade no Emprego Público (MIEP) comenta que esta norma o que promove é que se converta o persoal laboral fixo da Xunta en funcionarios, sen pasar polo tan temido (e necesario) exame das oposicións no seu intermedio.

Inxusto totalmente. Se por algo se ten que definir a Administración pública é, precisamente, por manter a igualdade de oportunidades para os cidadáns, función que cumprirían as oposicións. Se eliminamos estas? moi mal vai ir a cousa.

Defendo os funcionarios, os que cumpren o seu traballo con responsabilidade e dilixencia. Vin como moitos mestres e profesores se reciclaban, estudaban, asistían a cursos de formación para actualizarse e estar ao día continuamente. E pasar as horas da fin de semana preparando actividades. Valoro o esforzo e camiño que fixeron ata conseguir, merecidamente, o seu posto. Quizais por iso, eles tamén eran felices exercendo a súa profesión. Sen todo iso, perdería o seu valor, e o seu sentido.

Son tempos difíciles. Para todos. Repito. Para todos. Por iso as oportunidades tamén se lles deben ofrecer ás persoas por igual.